Friday 26 de April de 2024

Os Orzamentos Participativos do 2021 conseguen a participación máis alta das súas cinco edicións


O proceso encamíñase á terceira fase tras a intervención dun 67% máis de coruñeses que en 2019

Esta semana remataba a segunda das fases dos Orzamentos Participativos promovidos polo Concello da Coruña a través da Concellería de Igualdade, Benestar Social e Participación que dirixe Yoya Neira. Tras o reconto dos apoios obtidos por cada proposta, cabe destacar que esta edición foi a que acadou unha maior participación das cinco realizadas.

Un total de 3.005 persoas participaron no proceso e apoiaron as diferentes medidas propostas pola cidadanía. Nesta segunda fase houbo un total de 22.673 votos emitidos. O dato de participación é un 67% máis que hai dous anos, cando participaron 1.799 persoas. Ademais, é un 35% máis alto que o dato do 2018, que eran ata o de agora os Orzamentos Participativos con máis participantes.

Desde a concellería de Igualdade, Benestar Social e Participación amosaron a súa satisfacción polo éxito do proceso. “As numerosas achegas aos Orzamentos Participativos amosan o interese en colaborar coa mellora da Coruña. O goberno de Inés Rey busca sempre a participación activa da cidadanía e este proceso é un claro exemplo. Celebramos a boa acollida por parte das coruñesas e coruñeses e esperamos que continúe sendo así na terceira e derradeira fase”, sinalou Yoya Neira.

Nesta edición presentáronse 733 propostas, que previamente foron declaradas viables polo persoal técnico municipal. A segunda fase dos Orzamentos Participativos 2021 serviu para que as propostas presentadas fosen valoradas pola propia cidadanía e, así, a área responsable puidese priorizar as que tiveron unha maior repercusión popular.

Agora ábrese un período no que os técnicos municipais redactarán un orzamento para cada proxecto escollido das propostas con máis apoios. Despois, a terceira e última fase celebrarase do 17 ao 24 de novembro. Toda persoa maior de 16 anos censada na Coruña poderá apoiar proxectos que non superen o límite orzamentario de 1 millón de euros do plan e outros tres proxectos de tres distritos cun máximo de 150.000 euros cada un. Os resultados dos Orzamentos Participativos publicaranse entre os días 26 e 30 de novembro.